O que esconde a foto de Ana Pontón

Enrique G. Souto

Lugo, 12 de febreiro de 2024

A traballadísima e glamurosa foto da nacionalista Ana Pontón que colga nos farois de toda Galicia deu que falar nos primeiros días desta campaña electoral. A foto da candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia ofrece aspectos resaltables dende distintos puntos de vista. Con todo, o máis interesante desta imaxe de Pontón é o halo que emana dela, que máis que de misterio é de engano; é o halo, a néboa na que permanentemente se envolve o Bloque dende hai moitos anos para ocultar a súa esencia comunista de rancia inspiración leninista. O corazón do BNG é a UPG, e a UPG, segundo a súa propia definición, é un “partido que toma en consideración a experiencia histórica do movemento obreiro e antiimperialista internacional e inscribe a súa teoría e práctica nos principios ideolóxicos de Marx, Engels e Lenin (…)”.

No Bloque, no seu conxunto, e Ana Pontón en particular, non teñen ningún interese nesta campaña electoral, ao igual que nas anteriores, en aparecer vinculados ao que son as súas verdadeiras raíces ideolóxicas, que son as mesmas que deron pé a moitas das peores longas noites de pedra da humanidade, sinaladamente as impulsadas por Lenin, primeiro, e Stalin despois.

No halo da foto de campaña de Ana Pontón esvaécese o obxectivo independentista do BNG pilotado pola UPG, que se di “un partido comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional, na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático e popular”. Pontón escapa unha e outra vez de dar respostas claras ás preguntas sobre a vocación independentista do Bloque; as súas respostas, nestas ocasións, pérdense nunha néboa como a que parece envolver a súa foto de campaña. O glamur como ocultación.

O Bloque, cando chegan as citas electorais, esconde o seu leninismo marca UPG e o seu independentismo, porque sabe que en Galicia non inzan esas herbas que tanto dano levan feito no mundo, en xeral, e en España en particular. O independentismo catalán e vasco (Bildu, os herdeiros políticos da ETA) son dous exemplos ben claros, e con eles ten relación preferente, de socios, o BNG. De todo iso, no Bloque queren que se esquezan os galegos, en xeral, e os lucenses en particular. Así se explica o halo que emana da foto de Ana Pontón; é o halo da ocultación do verdadeiro ser do BNG e do que representa a súa candidata á presidencia da Xunta.