Carlos Dafonte: “Cando abrimos Arco da Vella en 1974 queriamos dar a coñecer a obra dos artistas que vivían só da súa arte
Este ano cúmprense 50 da apertura da primeira galería profesional de Lugo
Carlos Dafonte, que foi director de Arco da Vella, diante do edificio no que estivo a galería, en Raíña, 8
O 21 de decembro de 1974 abriu as súas portas a sala de exposicións Arco da Vella, no número 8 da Rúa da Raíña. No seu momento foi, segundo recolleu o xornal El Progreso o día da inauguración, “la primera en su especialidad con que cuenta nuestra ciudad” e estaba “acondicionada con las más modernas técnicas y elementos que existen para este tipo de establecimientos”. O director de Arco da Vella, primeira sala de arte de Lugo, foi Carlos Dafonte, que lembra que representou para Lugo aquela iniciativa, tan vinculada ao proceso para recuperar a democracia en España e dar pulo á cultura de Galicia. Dafonte, profesor xubilado, é todo un referente da esquerda en Galicia. Entre outras moitas responsabilidades foi secretario xeral do Partido Comunista de Galicia, coordinador de Esquerda Unida en Galicia, membro da dirección nacional do PCE e de IU e concelleiro lucense.
Enrique G. Souto
Abril de 2024
–Como e por que xorde a iniciativa de abrir unha sala de arte en Lugo?
— Cheguei a Lugo a finais de 1972, despois de pasar oito anos en Madrid onde comecei a estudar Arquitectura e despois fixen a licenciatura en Ciencias Políticas e Socioloxía; nese tempo era un habitual das numerosas galerías e gustábame coñecer todos os movementos artísticos e grupos da época, El Paso, a Escola de Vallecas, etc. Aquí contactei axiña con Luís Macia e Ramón, sinto non recordar o seu apelido, que estaban interesados nas cuestións artísticas e, como non había ningunha galería profesional, iniciamos a andaina. O nome foi idea de Xesús Alonso Montero. Tampouco hai que esquecer, como opinei nunha entrevista nun xornal, que atopabámonos en medio dunha forte crise económica do capitalismo e que mercar arte profesional nesas circunstancias, agás casos moi determinados, era rendible, porque as bolsas estaban á baixa, nos bancos non daban nada polos cartos, etc.
–A exposición que abriu Arco da Vella foi unha colección de augafortes de Castro Gil, algún dos cales se mostraban ao público por primeira vez. A elección do artista co que comezou a andar Arco da Vella obedeceu a algunha razón especial ou botaron man do que resultaba máis accesible?
— Cando transcendeu en Lugo que estabamos preparando o local, un grupo de persoas puxéronse en contacto con nós, pois tiñan augafortes do lucense Castro Gil que querían vender. Dubidamos en aceptar, pois non estabamos seguros de que as pranchas utilizadas foran destruídas. Aceptamos e inaugurouse Arco da Vella a finais do ano 1974, con asistencia de numeroso público.
–De que artistas mostraron obras en Arco da Vella durante os anos que estivo en funcionamento?
— Maioritariamente eran artistas de Galicia; aínda que non estiven ata o final, porque a partir de determinado momento dediqueime só a actividade política con tarefas por toda Galicia. Lémbrome de Xaime Quesada, Acisclo Manzano, Conde Corbal, Xosé Lodeiro, Silverio Rivas, Manuel Colmeiro, Goyanes, Castro Couso, Abelenda, Raimundo Patiño, Lugrís Vadillo, Antón Quesada, Virxilio, Xosé Lois de Dios, Ánxel Huete, Mariluz Antequera, López Guntín, Enrique Conde e Luís Borrajo, Luis Pacios, Kapler, Manolo Moldes. Tamén artistas de fóra de Galicia, como unha colectiva de pintores asturianos ou do santanderino Julio de Pablos, e bastantes máis, seguro, dos que agora non lembro a súa participación.
–Que criterios guiaron a selección de artistas?
–Tentabamos que a grande maioría foran profesionais do arte; e naqueles tempos falamos con varios pintores e escultores do PCG ou próximos á organización, para que nos indicaran como contactar con determinados pintores e escultores. En Madrid coñecera a algún crítico, como Carlos Arean, tamén galego, que nos indicou toda unha serie de críticos de xornais que nos permitiu que en páxinas de Galicia apareceran sempre as nosas exposicións. Arco da Vella foi recoñecida como unha importante galería de Galicia.
–Arco da Vella tivo certa relevancia en Lugo á marxe do puramente artístico, porque, empezando polo seu director, é dicir, por vostede, había unha relación intensa desta sala coa esquerda galega…
— Luís Macia e máis eu pertencíamos ao Partido Comunista de Galicia. Arco da Vella, como tal, non tiña política, só política cultural, pero había xente que identificaban á galería co noso xeito de pensar. A galería permitíanos na época da transición contactos discretos; ao mesmo tempo falabamos ou discutíamos con xente que viña de fóra, ou da Xunta Democrática de Lugo, paseando pola sala mentres observaban a exposición. Non moitas veces pero algunha si. Tentamos que os campos estiveran ben delimitados.
–O director de Arco da Vella asinou nese tempo máis dun manifesto en favor de iniciativas de esquerda e galeguistas, como unha na que, xunto con Alonso Montero, Ánxel Fole e Paco Martín reclamaban que Viveiro fose o nome oficial deste concello fronte a Vivero. É dicir había unha vinculación clara de Arco da Vella coa esquerda e co galeguismo…
— Coa esquerda estaba claro que si, e non creo que poda darse a circunstancia de que un comunista non sexa galeguista, comezando pola defensa da cultura galega na que o idioma é o elemento fundamental e o que nos define como pobo.
–Lembre cando e por que pechou Arco da Vella
— Non teño os datos exactos pois levaba fora da súa actividade bastante tempo. Luís Macia quedara só nese cometido, traballaba en Correos e penso que considerou que o mellor era facer o que fixo, que o PCG tivera no local a súa sede e poñer fin a aventura de Arco da Vella. Si cumpriu ou non co papel que tentamos que cumprira cando a inauguramos, a numerosa xente que pasou por Raíña número 8 primeiro dereita é a que debe dicilo.