Carlos Dafonte: “O galego é un dos pobos do Estado que máis loitaron enfrontándose ás circunstancias”
O veterano político, profesor e politólogo lucense presentará o xoves, día 26, o seu libro Algúns feitos acontecidos en Galicia entre 1868 e 1977 na taberna cultural A Despensa do Saa, a partir das 20.00 horas
Enrique G. Souto. Lugo, xuño 2025
A taberna cultural a Despensa do Saa acollerá o xoves, día 26, a presentación da edición revisada e ampliada do libro titulado Algúns feitos acontecidos en Galicia entre 1868 e 1977, do que é autor Carlos Dafonte Díez (Lugo, 1945). Dafonte é un deses políticos, hoxe á marxe da política institucional, máis non da vivencia política, con nome propio no panorama galego, practicamente dende o seu ingreso no Partido Comunista en 1969. A elaboración desta completa cronoloxía arrinca, como lembra o autor, “no ano 1974, no que acabei o servizo militar no cuartel de Garabolos; era amigo de Alonso Montero e convocou a unha serie de persoas para facer unha cronoloxía de Galicia”. Naquel entón, di o autor, “empezaban a saír cronoloxías sobre Galicia e non nos gustaban; empezamos a facer fichas, moi mal feitas, porque por veces, eu en particular, recollía o feito pero non indicaba de onde o sacara”. Co paso dos anos, “esas fichas aparecían e desaparecían na miña casa e, cando me xubilei tanto da política institucional como do traballo, reencontrei esas fichas e decidín sistematizar e agrupar todo ese coñecementos de maneira que me resultara útil”. Engade: “A súa publicación en forma de libro é culpa dos meus compañeiros e amigos, que me dixeron que debía publicalo”.
–Que criterio seguiu para a selección dos feitos que recolle no libro?
–Fundamentalmente un criterio histórico. Centreime naqueles feitos que considero que son unha contribución á historia de Galicia. Moitos feitos son balbordos, revoltas en contra de impostos, a aparición do socialismo, do anarquismo, do rexionalismo e despois do nacionalismo, o republicanismo federal, todos os republicanismos. Incluín feitos de carácter económico, algúns tan sinxelos como, por exemplo, canto se pagaba por produtos nos mercados, que me parecían importantes. Isto é algo que me chamou a atención cando eu era estudante de Ciencias Políticas: lin o libro de Tuñón de Lara sobre o movemento obreiro en España e relacionaba a suba dos alimentos de primeira necesidade con folgas e mobilizacións obreiras. Hai tamén datos de canto se cobraba nas aduanas marítimas ao mes.
–Á vista do feitos que relata, hai unha Galicia que non é ese territorio apoucado e sempre marxinado que con frecuencia se quere facer ver…
–Eu digo que non é certa esa reiterada afirmación de que o galego non loita, o galego emigra. O galego é un dos pobos do Estado que máis loitaron enfrontándose ás circunstancias, o que pasa é que existían uns caciques moi poderosos, tanto do Partido Liberal como do Partido Conservador, cos que era moi difícil enfrontarse con éxito, con eles e co statu quo social. Aparte de sectores moi relevantes como pode ser o do mar, houbo moitos empresarios que non tiveron que vir de Cataluña para crear empresas aquí. Están os Rubine, está Senra, coa fábrica de zapatos na Coruña que durante a primeira guerra mundial é un dos administradores de botas do exército francés. É dicir, eran poderosos. Rubine foi poderoso, o Duallen, da zona de Vigo, tamén se dedicou a crear empresas. Eran caciques poderosos e non tiñan nada que ver cos cataláns; crearon unha serie de empresas que foron moi importantes.
–Que fontes consultou?
–Primeiro, libros sobre historia de Galicia, dos que fun sacando cousas e moitos artigos e moitas veces, como necesitaba confirmación dos datos que tiña, acudía aos periódicos, o que me permitía engadir máis datos. Hai unha parte de investigación, importante, pola miña parte, moito en periódicos, porque había gran número deles en Galicia, de todas as tendencias políticas.
–Supoño que, ao fío desta investigación, atoparía personaxes polos que sinta especial interese…
–Preferidos non teño. Houbo, no ámbito temporal do que falamos, unha gran cantidade de políticos galegos. Estaban tamén os grandes caciques, que, con frecuencia, vivían en Madrid, e os caciquiños e cacicuelos, que eran os que administraban o poder aquí. Houbo aquí cinco grandes familias de caciques: a de Montero Ríos, que ten unha importancia grande; está a de Bugallal, a de Sada, os Riestras e os Gasset. Logo había outros que tiñan un ámbito xeográfico máis cativo, como o conde de Pallares, aquí en Lugo. Había outros, como podía ser Ramón Bustelo, no norte, en Ribadeo. Pero non hai un personaxe que me caia especialmente ben. As diferencias dentro dos grandes partidos provocaron que, nun momento determinado, Antonio Maura, que ao principio era liberal, en 1902 pasara ao Partido Conservador. Aquí, en Galicia, tivo unha importancia grande e creáronse os partidos mauristas, que ata no Carballiño houbo un equipo de fútbol, nos anos 20, que se chamaba Mauristas Club de fútbol. Son cuestións interesantes. Eu estou moito máis próximo aos socialistas ou ao Partido Comunista a partir de 1921, que empeza a ter aquí alicerces importantes, especialmente na provincia de Ourense, como pode ser Benigno Álvarez, o veterinario que organizou á maior parte dos campesiños ourensáns.
—Di vostede que este libro seu é un libro río…
–Como sigo lendo sobre Galicia, xa teño un montón de fichas que supoño que dentro de ano e pico, se é que sigo vivindo, engadirei. Isto é, certamente, un libro río ao que, como afluentes, van chegando novos coñecementos e ireinos engadindo ata que morra.
—Como ve a situación política un politólogo como vostede, que leva dende os anos sesenta do século pasado analizando o panorama nacional e internacional?
–Nós avisamos hai moito tempo que a caída da Unión Soviética non só afectaría aos partidos comunistas, senón a toda a vida política mundial, pola sinxela razón de que fronte ao imperialismo dirixido polos USA, a URSS era un contrapeso importante. Despois da victoria da URSS sobre o nazismo, a partir do ano 45, a situación no mundo era moi caótica, cun capitalismo que creara os fascismos e o nazismo. E grazas a URSS e a súa victoria sobre Alemaña nazi, creouse o estado de benestar, que foi unha concesión que o capitalismo tivo que facer, sobre todo en Europa, ao movemento obreiro. E non hai que esquecer a contribución da URSS para acabar co sistema colonial, do que zugaban e vivían moitos países. Caeu a URSS e toda a situación quedou en mans de sectores máis de dereitas, incluída a UE, o que fai que hoxe teñamos a Trump, por un lado, e, por outro, a sectores de ultradereita gobernando en países nos que parecía imposible, como os nórdicos; iso é o que temos hoxe en día.